FELICIDADES CAMPIONAS
O Emevé revalidou hoxe o título autonómico da categoría xuvenil Feminina. As lucenses manteñen impecables os números dunha tempada na que non perderon ningún partido, e poñen o broche de ouro coa vitoria por 3 sets a 0 na gran final autonómica ante o CI Zalaeta.
O Emevé era o favorito a levantar por segundo ano consecutivo o título e foi o claro vencedor da Fase Final Feminina celebrada hoxe no Municipal Lugo. Pola mañá as lucenses superaban sen problemas ao Voleyourense nunha semifinal dirixida en todo momento polas xogadoras locais que deixaron ás adversarias en 11, 15 e 16 puntos nos tres sets disputados.
Coa mesma resolución encarou o Emevé a final da tarde na que bateron ao CI Zalaeta pola vía rápida con parciais igualmente esclarecedores: 25-15, 25-12 e 25-15.
O duelo máis igualado do campionato estivo na pelexa polo bronce entre Voleyourense e AD Pinguela (eliminado na semifinal matinal polo Zalaeta en tres sets), nun partido moi irregular por parte de ambas plantillas no que comezou mandando o conxunto monfortino 21 a 25. Deseguida responderon as ourensanas no segundo que rematou co mesmo tanteo á inversa 25 á 21 para dar paso de novo a un dominio monfortino no terceiro plasmado no 25 a 12 resultante. Se o Voleyourense baixara o ritmo no set anterior, no cuarto sería Pinguela o que atravesaría horas baixas, cedendo o parcial 14 a 25 e permitindo ás súas rivais chegar con opcións ao tie break. Unha oportunidade que aproveitarían ás da cidade das Burgas para selar o podio 15 a 8.
Con este título o Emevé refrenda a súa hexemonía na categoría nos últimos anos e acada o dereito a participar no Campionato de España por equipos que se celebra en Murcia do 24 ao 28 de abril.
más información en la web de la Fgvb
Muy bien, chicas
ResponderEliminar