Feliz verano y a disfrutar con el Voley Playa!!

domingo, 26 de mayo de 2013

CAMPEONATO DE ESPAÑA INFANTIL FEMENINO; CRÓNICA DE LA FGVB


CRÓNICA EXTRAÍDA DA PÁXINA DA FEDERACIÓN GALEGA DE VOLEI


As lucenses fixéronse coa coroa nacional no torneo celebrado en Sant Cugat del Vallés do mércores 22 ao domingo 26 de maio
O equipo masculino finalizou a súa participación no Campionato de España Infantil na décimo sexta praza
A Coruña, domingo 26 de maio de 2013.- 
O equipo infantil feminino do Emevé proclamouse esta mañá Campión de España da súa categoría. As galegas dominaron a primeira fase do campionato sen recibir un só set en contra e tras unha emocionante eliminatoria ante Volei Vilassar que chegou ao tie break, venceron nunha disputada final 3 a 1 ante San Cugat. O Emevé corrobora unha vez máis con esta vitoria a calidade da canteira lucense que ademais de ser unha das máis grandes e mellor traballadas do país, segue acadando grandes resultados a nivel autonómico e nacional.


O Emevé confirmaba a súa candidatura ao título nacional dende a primeira fase do campionato que comezaba o mércores 22 de maio en Sant Cugat del Vallés. As de Lugo fixéronse sen problemas co liderato do Grupo B, superando en dous sets a todos os rivais: CC 7 Palmas GC 2014 (25-19/25-17), Polideportivo Nerja (25-18/25-11) e CVS Fet a Sóller (25-9/25-23).

Xa entre os doce primeiros, o equipo galego dominou a segunda fase mantendo a cero o contador de sets en contra con dúas novas vitorias en tres parciais ante o Colegio San Ignacio (25-20/25-11/-25-14) e o Alkazar (26-24/25-14/25-17), que as metían directamente na pelexa por un posto na final.

O rival das lucenses na semifinal celebrada na tarde do sábado foi o Volei Vilassar. Galegas e catalás foron protagonistas dun partido que contou coa emoción dunha eliminatoria nacional.

As campionas autonómicas comezaron adiantándose nun primeiro set no que se puido comprobar a igualdade que tería esta semifinal. O 25 a 21 da primeira manga deu paso a unha segunda de idénticas características, na que os dous equipos repartían boas series de xogo que igualaban constantemente o marcador. Na recta final o equipo de Vilassar de Mar conseguiría asinar o empate 22 a 25, pero na terceira serían de novo as galegas as que tomarían o relevo 25 a 19. Unha nova remontada das catalás por 25 a 19 daría paso a un quinto set de infarto no que o Emevé soubo resolver na recta final, gañando a pulso a súa presenza na gran final por 15 a 13.

As gradas cheas de aficionados durante a final


Na mañá de hoxe, domingo 26 de maio, ás 12.00 horas o Emevé comezaba a escalada ao título na gran final do Campionato de España Infantil 2013. A final que enfrontaba ás galegas co equipo anfitrión, CV San Cugat, desbordou emoción dende o minuto un, coa bancada repleta de espectadores.

Tras un igualadísimo primeiro set que levou o empate ata o punto 19, o Emevé adiantouse pola mínima 25 a 23 e colleu impulso para poñerse cun parcial de 10 a 3 no principio do segundo set. O saque foi a mellor arma das de Lugo, que a pesar da boa disposición das locais para recortar distancias, conseguiron pechar tamén esta manga cun gran bloqueo de Lucía Prol por 25 a 21.

O terceiro parcial seguiría a dinámica dos anteriores, pero nesta ocasión foron as catalás as que conseguiron unha pequena vantaxe na recta final, con cinco puntos de diferenza no 20-15, que foron suficientes para sentenciar o set 25 a 19.

O equipo anfitrión continuaba firme no seu obxectivo de forzar o quinto set, e parecía que estaba a piques de conseguilo no cuarto con vantaxes de 15-10 e 19-13, pero o afán de superación das galegas prevalecería nunha espectacular remontada que, con Paula Lorenzo ao saque poría o 23 a 21 no marcador para, pouco despois, sentenciar o partido que outorga o título nacional ao Emevé de Lugo.

Os rapaces décimosextos en Cuenca

Ademais do título feminino, o Emevé, campión galego no apartado infantil masculino, tamén estivo presente no Campionato de España da súa categoría celebrado en Cuenca nas mesmas datas.

Os xogadores de Diego Taboada non comezaron con bo pé o torneo, e caeron nos tres primeiros partidos de Grupo, sen posibilidade de anotar un set nesta fase a pesar da igualdade vivida nos últimos dous encontros.

O UCAM Goldcar Sant Joan superou aos de Lugo con solvencia no primeiro set por 14 a 25, pero tivo que suar a camiseta no segundo que levaron 23 a 25. Tamén tiveron que pelexar a vitoria os equipos da Fuensanta (21-25/21-25) e Licenciados Reunidos (23-25/21-25) que relegaron aos galegos á derradeira praza de grupo.

Na Segunda Fase chegaron as primeiras vitorias do Emevé, que superou primeiro ao San Roque Batán por 2 sets a 0 (25-23/25-21), e máis tarde ao A.D. Voleibol Ribera (26-24/25-23), en dous encontros axustados nos que o equipo de Lugo se aplicou a fondo para poder pelexar pola mellor posición posible entre a décimo terceira e a décimo sexta.

Finalmente os galegos perderían os dous últimos choques, por 2 sets a 0 ante os madrileños do cvleganes.com (21-25/18-25) e por 2 a 1 ante o C.E. Roca Andorra (29-27/20-25/21-25), finalizando o nacional na décimo sexta posición.

máis información pincha aquí

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios que los moderadores consideremos inapropiados u ofensivos serán eliminados.

cookie law